Wednesday 24 de April de 2024

Un novo mural de Iria Fafián promovido polo Concello embelece o patio do CEIP Zalaeta


O concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, visitou este luns as instalacións do CEIP Zalaeta, onde o Concello colaborou co centro educativo e a ANPA Berbiriana para levar a cabo traballos de mellora no patio do colexio.

Neste sentido, o Goberno municipal de Inés Rey promoveu o pintado dun mural de temática mariña relacionado cos faros, dando continuidade a intervencións previas executadas no patio do CEIP Zalaeta para fomentar a creatividade entre os máis pequenos, así como os xogos e a relación do alumnado coa natureza.

Este novo mural, obra da artista coruñesa Iria Fafián, toma como base a iconografía mariña que forma parte da identidade do centro educativo, onde xa existen outros elementos pictóricos como un mural sobre a lenda de Hércules e a Torre, símbolos da cidade.

O concelleiro Jesús Celemín puxo en valor a colaboración entre o Concello e o centro educativo coruñés para “transformar o patio do colexio nun lugar que sexa moito máis que un espazo de lecer, axudando tamén a fomentar o talento creativo das nenas e nenos e apoiando, ademais, aos artistas da nosa terra”.